Augardente caseira da Ulla en San Miguel de Castro
- 12 dic 2018
- 3 Min. de lectura

O río Ulla é, quizais, culpable directo de que os habitantes da pequena parroquia estradense de San Miguel de Castro poidan presumir de ter a “mellor augardente do país”. En realidade, todo este val que provoca o paso do Ulla á altura dos concellos de Vedra, Boqueixón e A Estrada ten o privilexio de producir unha augardente única e moi valorada, que xorde do bagazo dun viño que, case sempre, resulta acedo para os padais que non están acostumados a el.
San Miguel de Castro non ten moitas casas, pero as que hai, locen cadansúa viña, case como símbolo de identidade. Destas viñas destilaranse a augardente e os demais licores, por obra dun vello alambique de cobre que a propia parroquia mercou fai anos, e que visita a casa do veciño que o require. Nós, tivemos a sorte de visitar a casa de Leo, un veciño do lugar que, á súa vez, nos levou á casa do vello Faílde, o paisano que nese momento estaba a dispoñer do alambique. Alí explicáronnos todo o proceso necesario para acadar a Augardente da Ulla, que obviamente comeza na vendima, onde con moito tacto, elixen as mellores uvas e guindan as podres. Segundo eles, esta é unha das grandes diferenzas ca produción industrial, con grandes parcelas e decenas de persoas traballando que evidentemente, non se paran a separar a uva boa da mala pola miseria que lles pagan.
Neste caso, os veciños da Ulla non queren moito produto para así vender máis. Quéreno bo e de calidade aínda que sexa pouco, porque non é para vender, senón para consumo propio e sobre todo, das visitas.
O bagazo, que é a parte da uva que sobra logo da elaboración do viño, métese na caldeira do alambique e ponse ó lume, hoxe en día con queimadores de gas, e antano con madeira de carballo. Cando ferva, o vapor sobe polo capitel, percorre o conduto e baixa por un tubo colocado en espiral dentro dunha estrutura metálica e cilíndrica chea de auga, para que o líquido alcólico vaia arrefriando. O tubo vai dar fóra do cilindro e normalmente pónselle unha palleta de madeira na saída para que a augardente caia mellor no recipiente que a recibe. A primeira augardente que sae é moi forte, ten moito alcol e hai que esperar a que saia un pouco máis suave. Cada un queda ca augardente máis ó seu gusto, que para iso é súa.
Como dicían Leo e Faílde, “a cousa non che ten moita ciencia”, e cren que a fama da súa augardente se debe sobre todo, á terra da zona e ó tipo de uva que se produce. Tamén, en que alí, a diferenza doutros lugares, quítanselle os talos ó bagazo, o que lle dá maior suavidade á augardente. “Mira se é boa”, dicía Faílde entre risos “que fai anos veume un fulano de Valencia a mercala, e pedinlle 18 euros por cada litro. O home díxome que era máis cara que o whisky, entón eu díxenlle que si quería que comprara whisky. Ó final levouna”. Din que teñen gañado moitos cartos ca augardente da Ulla, que fai anos nas tabernas era o que máis se vendía. “Agora está de moda tomar cubatas, pero antes todo o mundo bebía augardente, e esta era a mellor”, asegura Leo, que reflexiona: “hoxe en día a xente só quere a augardente para botarlle ó café, case ninguén a toma soa. Entón, as empresas que a comercializan non se preocupan un produto demasiado bo, porque para misturar co café case vale calquera cousa, pero para beber soa non”.
Neste día desbotamos, ou polo menos reducimos en grande medida, os prexuízos que nos crearon as verbas da xente que produce augardente etiquetada e de maneira industrial. Sobre todo despois de probar a de San Miguel de Castro.
















Comentarios