O rei dos enólogos galegos
- 12 dic 2018
- 2 Min. de lectura
Para completar a nosa tarefa de investigación contactamos con Ignacio Orriolls. Ignacio é un dos enólogos con maior reputación a nivel galego e estatal. Con anos de experiencia no sector e traballando actualmente no Consello Regulador da Xunta, é unha das voces máis capacitadas para tratar este tema.

No encontro falamos da situación actual do augardente galego. Habitualmente dise que o factor principal para a súa elaboración é o clima galego, pero Orriolls desmentiunos esta afirmación. Na súa opinión, a calidade da materia prima é o que lle da ese prestixio de Indicación Xeográfica, aínda que a humidade e outras condicións tamén afectan.
Outro tema de preocupación para Orriolls tamén é que as grandes adegas estanse a olvidar do augardente e danlle máis importancia á produción de viño. O bagazo é considerado como un subproduto cunha elaboración moito máis complicada, xa que o proceso de destilación é caro e está ligado a uns impostos de alcohol especiais polos que o viño non está regulado.
Un dos principais problemas na destilación do augardente é a cantidade de bagazo que fai falla para conseguir o produto final. No caso do augardente branco necesítanse 100 kg de bagazo branco para conseguir 3 litros de alcohol puro (6/8 litros de alcohol). No caso do tinto, con eses 100 kg de bagazo pódense obter preto de 10 litros de alcohol.
Os problemas non rematan despois do proceso de destilación. De feito, unha das maiores preocupacións da industria é a da regulación sanitaria que debe pasar o produto final. Dise que “debe pasar” porque non todos o fan. A tradición galega de producir augardente caseiro desemboca en que estes produtos non están suxeitos a ningún tipo de control sanitario, poñendo en risco a saúde do cliente.
Os profesionais avogan polo fin do augardente caseiro non regulado debido a este risco ao que os clientes están expostos. Ao non cumprir a regulación e estar feito en peores condicións, o produto final é notablemente máis barato que o industrial, polo que o consumidor non compra os etiquetados.
Como conclusión final que sacamos do encontro, observamos que parte do problema é que en Galicia non se valora o seu produto como corresponde. A costume de regalar “chupitos de augardente” nos restaurantes fixo que o público nunca tivera necesidade de pagar por el. Obviamente, os licores regalados non están etiquetados nin son de calidade, polo que o sabor non é o bo e non se incita ao cliente a querer compralo, a diferenza de países como Francia ou Italia, onde si que existe esa costume de pagar por estes licores por parte de todos os sectores da sociedade.















Comentarios